A nosa Asociacion1

Ola

Somos Distrito Mallos, un gran espazo asociativo no que estamos profesionais de todos os sectores e queremos presentarte o que facemos.

Distrito Mallos nace en 1994 para dinamizar e poñer en valor o comercio do barrio dos Mallos e potenciar a economía local.

No ano 2023 renovamos a Xunta Directiva e agora camiñamos cara a un novo proxecto. Recollemos a testemuña de moitos anos de traballo coa intención de preparar Distrito Mallos para os novos retos que se nos presenten a todos os profesionais e ao comercio da zona.

Quen a forma?
Comerciantes, autónomos, pemes e empresarios que desenvolvemos a nosa actividade económica no barrio dos Mallos.

Que facemos?
Un dos principais obxectivos da Asociación é dar a coñecer e promocionar aos seus asociados; á vez atraer ideas emprendedoras que enriquezan o tecido social e económico da zona. Para iso temos unha gran baza que é a nosa categoría de “Centro Comercial Aberto” a través da cal poñemos en marcha multitude de campañas de dinamización, que tamén nos serven para a fidelización e dar a coñecer a nosa área comercial dunha maneira atractiva dentro e fóra do barrio dos Mallos.

A Asociación é tamén unha ferramenta moi útil de comunicación coas diversas institucións, como Xunta, Concello, Deputación, FUCC o Sistema de Arbitraxe de Consumo da Xunta… a través das cales podemos xerar dinámicas beneficiosas tanto para asociados como para o Centro Comercial Aberto, así como tamén podemos transmitirlles as nosas necesidades e inquietudes.

A nosa Asociacion2

Únete

Forma parte activa dunha comunidade de profesionais cun obxectivo común, onde poderás facer networking, intercambio de servizos e sinerxias con asociados

se o hai no meu barrio, para que buscar máis!

Únete a unha estratexia de comunicación común: Publicidade na internet, prensa e radio, gratuíto para os asociados. Tamén as nosas redes sociais botan fume, xa que ademais das campañas anuais, tempada tras tempada realízanse publicacións por sectores que nos dan moita visibilidade porque facemos…

…márketing de barrio do bo!

Participa en accións comerciais conxuntas de calidade como concursos, talleres, roteiros, mercadillos, sorteos… Cun deseño coidado e un maior alcance publicitario, entre as que priorizaremos a campaña de Nadal. Moitas van acompañadas de merchandising para compartir cos teus clientes.

 

Xuntos chegamos máis lonxe!

 

Ofrece servizos especiais aos teus cliente en conxunto cos socios, por exemplo ferramentas informativas dixitais (web,redes, directorio de empresas…). Ou a venda de lotería de nadal propia, moi valorada por clientes e veciños.

Disfruta dos convenios que a asociación vaia asinando con diferentes entidades.

Obtén información de primeira man, beneficiosa para o teu negocio, que che faremos chegar puntualmente desde o correo electrónico de Distrito Mallos.

Estarás permanentemente informado de subvencións, servizos, ofertas e promocións deseñadas para os nosos colectivos.

A nosa Asociacion3

A nosa historia

 

No ano 1994, os responsables da Asociación de Comerciantes Mallos – Estación que tiña como logotipo unha máquina antiga de tren, e que ata esa data preocupábanse de representar aos Mallos nas reunións da Federación de Asociacións de Comerciantes e Autónomos, e noutros organismos, cando eran citados, pedíronnos que lles tomásemos a substitución, e tentásemos organizar a Asociación, que naquel momento
non cobraba mensualidades aos asociados, nin tiña listados.

Durante un tempo estudamos a problemática da zona, da man do entón Presidente dos Veciños dos Mallos, Xosé Folgueira, e empuxados por él e dirixidos por Xosé Salgado, un grupo de comerciantes e profesionais, acordamos refundar a Asociación, comezando de cero, con logotipo novo e afiliación de asociados.

En 1996, asinouse o acta fundacional da Asociación de Comerciantes Distrito Mallos.

Os socios fundadores foron: Carlos Monteagudo, Antonio Larrosa, Alberto Rascón, Manuel Vidal e Xosé Salgado.

Os socios fundadores traballaron como Xunta Directiva os  catro primeiros anos, co obxectivo de: afiliar asociados, crear un novo logo, estatutos, establecer a sede, etc.

No ano 2001 celebrouse a primeira Asemblea da que saíu elixida a primeira Xunta Directiva.

Na actualidade a Xunta Directiva está formada por:
Presidente/a: Alba Balsa Berrocal
Vicepresidente/a 1ª: Luisa Ferrant Naya
Vicepresidente/a 2ª: Carolina Cerdeira Cortes
Secretario/a: Noelia Manteiga Pedreira
Tesoureiro/a: Mª Soledad Bouzas Muiño
Vogais: Rubén Dario Pardo Nebril,
Marta Alonso Domato
e Scarlet Montserrat Gómez Bellón